ANATOMÍA EVOLUTIVA

 

Nesta nova materia imos abordar o estudo da evolución da nosa especie, pero non só para comprender o feito evolutivo, senón que o relacionaremos coas ciencias da saúde, iniciándonos no estudo da medicina evolutiva. Cando en moitos países nunca houbo unha esperanza de vida tan alta, enfermidades que aparecen na idade adulta avanzada como as cardiovasculares, obesidade, hiperlipemia, etc., son o resultado dun cambio de hábitos para os que o noso deseño evolutivo non está preparado.

A materia preséntase estruturada en tres bloques. No primeiro trataranse os “Fundamentos da evolución”, para que todo o alumnado teña os coñecementos que posibiliten seguir o curso independentemente das optativas que escolleran con anterioridade.

No segundo bloque comezaremos co estudo da “Evolución da nosa especie”. Coñeceremos os nosos antecesores e a súa evolución facendo fincapé nos xacementos do noso país e as investigacións que aquí se realizan. Neste bloque abordaremos non só a evolución dos caracteres humanos, senón tamén as nosas estratexias vitais, de evolución social e as nosas particularidades, como a cooperación ou o altruísmo.

No derradeiro bloque “Evolución e Homo sapiens actual”, que abordaremos en parte co estudo de diferentes textos científicos e ensaios divulgativos, introduciremos o concepto de medicina evolutiva e, como un deseño moi eficaz de millóns de anos evolución, presenta hoxe problemas ante o noso cambio na alimentación e costumes. Tentaremos, á luz desta ciencia, responder cuestións como: por que hai tantas persoas obesas?, por que custa adelgazar?, por que tanta xente de máis de 45 anos ten hipertensión ou altos os niveis de colesterol?, por que hai 300 millóns de diabéticos?, etc. A reflexión que faremos sobre as causas destes problemas de saúde levaranos a indagar cal é a dieta que resulta máis equilibrada para a nosa especie e así traballar un tema de saúde fundamental para a poboación en xeral e o noso alumnado en particular.

Todos estes bloques estarán acompañados de buscas de información coas TIC, lectura de obras de divulgación e artigos científicos, comentarios de vídeos, debates, prácticas, estudo de cladogramas, gráficas, estatísticas que vaian preparando ao alumnado para os estudos que continuarán cursando no futuro.