CIENCIAS DA TERRA E DO MEDIOAMBIENTE
A materia ten como eixe principal o uso que facemos as persoas dos recursos que nos ofrece o noso planeta, un planeta finito que "utilizamos" como se fose ilimitado.
A finalidade, ser un instrumento para a comprensión do mundo que nos rodea e promover a reflexión crítica acerca da problemática ambiental, que leve ao alumnado a exercer unha cidadanía con conciencia ecolóxica e responsable. Ademais fomentar actitudes de cara a protección e mellora do medio natural, unha vez que se coñecen os riscos e as medidas de predición, prevención e corrección.
O desenvolvemento da materia implica utilizar coñecementos científicos adquiridos en cursos anteriores, mais a teoría trátase a través de actividades de síntese e con carácter práctico, xa que moitos dos temas que se estudan constitúen unha preocupación da sociedade actual e están cada vez máis presentes nos medios de comunicación social.
A materia divídese en sete bloques de contidos:
1. Medio ambiente e fontes de información ambiental
2. Dinámica dos sistemas fluídos (atmosfera e a hidrosfera)
3. Contaminación atmosférica
4. Contaminación das augas
5. A xeosfera e os riscos xeolóxicos
6. Circulación de materia e enerxía na biosfera (ecosistemas)
7. A xestión do planeta e o desenvolvemento sustentable