O canguro da caixa de bombóns
Incrible! Naquela pequena caixa de bombóns atopou un auténtico canguro australiano: viviño e dando diminutos brincos.
Nunca vira un animal vivo, sabíaque era un canguro porque o seu avó lle ensinara hai uns anos un libro vello coas páxinas moi gastadas polo uso, era de animais e lembraba o canguro porque o avó lle contara que só vivían nun lugar moi lonxe chamado Australia.
El non coñecía moitos sitiospero parece ser que antes, noutro tempo, existían moitos lugares que se chamaban países, e eses países pertencían a outros sitios máis grandes, un deles era Australia pero non recordaba nada máis.
Había moito que os animais deixaran de existir. Antes a xente tiña mascotas (non sabía moi ben o significado desa palabra), tiñan cans e gatos sobre todo, pero tamén peixes. Non podía imaxinar como podías ter un peixe vivo na casa, pois só podían vivir no mar. Agora o mar tamén estaba moribundo.
Se o seu avó estivera vivo seguro que lle contaría todas as cousas que non entendía do pasado, pero el era moi pequeno cando morreu.
Mirando o canguro tivo claro que quedaría con el, non llo diría a ninguén, buscaría nas cousas vellas que tiña no faiado ata atopar aquel libro de animais. Seguro que alí encontraría todo o que necesitaba saber sobre que comía, pois tiña que alimentalo.
Atopar comida era un problema mesmo para el pero debía atopar como alimentar o seu canguro.
Decidiu deixalo na habitación e subiu as escaleiras, alí estivo moito rato buscando o libro. Había moitas cousas de antes, sacadas doutro tempo. Dun pasado mellor, onde todo funcionaba, onde a xente tiña tanta comida que moita a tiraban porque sempre sobraba, non podía nin imaxinar semellante desperdicio.
Despois de moito buscar atopou por fin o libro. Si que estaba vello, faltaban páxinas e tiña moitas manchas de humidade. Pasounas con moito coidado, había fotos de moitos animais, todos lle parecían fermosos, canto máis grandes máis lle gustaban.
Por finatopou unha foto dun canguro, igualiño ao que tiña.
Púxose a ler para coñecer máis del.
Por fin chegou a parte que máis lle interesaba, que comían; follas, raíces, vexetais... Non parecía difícil pois se algo sobraba eran plantas. A maioría non comestibles para os humanos pero para os canguros seguro que moitas lle irían ben.
Que contento estaba, coidaría de seu canguro ata que fora grande en entón o usaría como alimento durante moito tempo.
Só pensalo facíaselle a boca auga.
Non podería dicirllo a ninguénpois todos intentarían sacarllo para alimentarse eles.
Antes era o que se facía, a xente alimentábase de todo tipo de animais.
E así a súa mente seguiu divagando e pensando no momento en que podería desfrutar desa comida que daría para tantas outras. Seguro que era moi saborosa.
Mª Jesús Fernández Budiño
I Premio CategoríaFamilias do alumnado