Cultura Científica

Esta materia pretende aue o alumnado adquira unha cultura científica básica que lle permita entender o mundo actual e ser quen de tomar decisións baseadas no coñecemento científico en distintos contextos. Nesta sociedade do século XXI é importante que a cultura científica forme parte da chamada “cultura xeral”.

Repetidas veces, os medios de comunicación informan sobre cuestións científicas e tecnolóxicas de actualidade. A materia de Cultura Científica contribúe a que o alumnado avalíe enunciados relacionados con estas cuestións e tome decisións fundamentadas en probas de carácter científico, diferenciándoas das crenzas e das opinións.

Para lograr a adquisición das competencias, deben formar parte do desenvolvemento curricular a obtención e a selección crítica de información de carácter científico (trabállase con noticias); a valoración da importancia da ciencia e a tecnoloxía na vida diaria; a comunicación de información de carácter científico nos soportes escrito, oral e virtual (realízanse presentacións e proxectos usando as TIC e exposicións orais); o diálogo e o debate entre iguais sobre os temas científico tecnolóxicos; o traballo cooperativo e colaborativo.

No cuarto curso da ESO, a materia de Cultura Científica establece a base do coñecemento científico sobre temas xerais como o universo, os avances tecnolóxicos e os impactos ambientais, a calidade de vida e a saúde, e a contribución do coñecemento dos materiais aos avances da humanidade.

En primeiro de Bacharelato, trátanse cuestións como a formación da Terra e a orixe da vida, a xenética, os avances biomédicos e para rematar, un bloque relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.