Recolle os contidos económicos básicos que permiten ao alumnado familiarizarse coa organización e o funcionamento do sistema financeiro, en particular cos produtos e os servizos financeiros de uso máis habitual, para posteriormente axudar na planificación da vida financeira persoal e na elección daquelas alternativas que mellor se adapten ás súas necesidades, mantendo a seguridade financeira como eixo central desa planificación.


O currículo desta materia está organizado en tres bloques:


  • O primeiro bloque fai fincapé na administración da renda e dos recursos persoais, a través das decisións de consumo e de aforro, e o correspondente investimento.

  • O segundo bloque céntrase na planificación financeira persoal e familiar.

  • O terceiro bloque trata a xestión dos medios líquidos dispoñibles.


A materia aborda os contidos desde un nivel moi básico, analizando os compoñentes e as características principais dos produtos e dos servizos financeiros, procurando a familiarización cos mercados e coas entidades operantes, que permita, tras comparar distintas ofertas, elixir a máis adecuada ás súas necesidades e á súa situación económico-financeira.


Trátase de iniciar ao alumnado na realización de sinxelos cálculos, empregando ferramentas de axuda que permitan a valoración precisa das alternativas consideradas, unha maior comprensión do funcionamento dos produtos e dos servizos, e o adecuado coñecemento das implicacións que as decisións que se tomen teñen na situación financeira persoal.


.