INICIACIÓN Á ACTIVIDADE EMPRENDEDORA E EMPRESARIAL
A estrutura desta materia consta de tres grandes bloques:
O primeiro, "Autonomía persoal, liderado e innovación", está centrado na descrición das calidades e as destrezas persoais asociadas á iniciativa emprendedora, no repaso das decisións sobre o itinerario vital (actividade económica, carreira profesional, procura de emprego, autoemprego) e a actuación como futuro/a traballador/a (dereitos e obrigas do traballador, o contrato de traballo, a negociación colectiva, o sistema da Seguridade Social, a saúde laboral e os riscos laborais).
No segundo bloque, "Proxecto de empresa", repásanse as principais áreas e funcións da empresa (produtiva, comercial, a información contable) co obxecto de pór en marcha o proxecto empresarial xurdido da idea de negocio xerado previamente.
E para finalizar, un bloque que baixo o título de "Finanzas" analiza as alternativas con que conta a empresa para elixir a súa forma xurídica, as fontes de financiamento do seu proxecto empresarial, a necesidade de planificar as necesidades financeiras e as obrigas fiscais (impostos que afectan ás empresas) e prever a evolución do negocio, garantindo a súa viabilidade.