Moaña, 22 de xaneiro de 2021

 

 Estimadas Familias do IES Plurilingüe A Paralaia,

 

 O Equipo de Dinamización da Lingua Galega quere informarvos da terceira edición da campaña “21 DÍAS EN GALEGO”que imos iniciar o luns 25 de xaneiro.

É unha campaña de promoción do uso da nosa lingua que vai levar a cabo o concello de Moaña, na que van participar todos os centros de ensino e que se vai desenvolver entre o luns 25 de xaneiro e o domingo 14 de febreiro.

 Durante estes vinte e un días, o alumnado que se inscribiu como participante tentará falar en galego tanto no centro como fóra do ámbito escolar. E sería para o noso alumnado moi motivador se na casa tentasen seguir con eles/elas a nosa campaña, empregando tamén as familias o galego nestes ámbitos máis coloquiais.

 

 O motivo da campaña deriva da falta de competencia oral e escrita que o profesorado está a constatar no noso alumnado, por mor do descenso do seu uso. Para moitos rapaces e rapazas, o galego é case unha lingua estranxeira na que carecen de fluidez, e realizan aberrantes traducións do castelán ao expresárense.

 

 Que vantaxes poderían obterse ao participar nesta campaña?

 

 ¤ Conseguir fluidez na expresión oral e obter mellores resultados nas probas que requiran observar esta competencia (exposicións, exames orais…).

 ¤ Mellorar a competencia escrita, eliminando paulatinamente os castelanismos polos que son penalizados en exames, composicións escritas….

 ¤ O dominio dun maior número de linguas facilita a aprendizaxe de outras.

 ¤ A través do galego resulta doado o achegamento a unha lingua que temos moi perto como o portugués.

 ¤  O dominio do portugués pode beneficiar laboralmente xa que é unha das linguas máis falada do mundo, e en varios continentes.

 ¤ E, por suposto, como seres humanos preocupados pola cultura, reverter o abandono paulatino do noso idioma. Como pobo galego, non deixaremos morrer a nosa lingua, fomentarémola para que recupere a vitalidade que noutros tempos tivo.

 

 Finalmente, gustaríanos animarvos a que colaboredes nesta actividade para que teña o maior éxito posible. Coa vosa axuda seralles máis fácil aos vosos fillos e fillas levala adiante.

 

 Sen máis, agradecemos de antemán a todos e todas os que vaian participar na nosa campaña e agardamos que resulte unha actividade enriquecedora.

 

 

O EDLG do IES Plurilingüe A Paralaia